Campaña #NotMyUniversityليست_جامعتي #
da Rede Interuniversitaria Española de Solidariedade con Palestina

Manifesto

A todos os presentes e antigos membros da comunidade universitaria: persoal docente e investigador, alumnado e persoal de administración e servizos, así como aos colectivos integrados en institutos e grupos de investigación, departamentos, facultades e sindicatos, dende o colectivo #NotMyUniversityليست_جامعتي #, rede interuniversitaria española de solidariedade con Palestina, consternadas pola información que chega desde Palestina e en especial de Gaza, , facemos un chamamento para que subscribades este manifesto que denuncia o castigo colectivo que Israel está a inflixir, co silencio cómplice cando non a aquiescencia da comunidade internacional, e en concreto da Unión Europea, a 2,3 millóns de persoas inermes e inocentes. Pedimos á comunidade universitaria de todo o Estado español que se una ao noso contundente rexeitamento do argumento de que os asasinatos e secuestros de civís cometidos por Hamás —que condenamos sen ambigüidade algunha— poidan xustificar o bloqueo, os ataques indiscriminados e a invasión de Gaza, así como a actuación impune dos colonos que aterroriza á poboación de Cisxordania e Xerusalén Oriental, actuacións que o dereito internacional humanitario considera flagrantes crimes de guerra e contra a humanidade.

O balance é xa aterrador: nun mes o número de desprazados supera o millón e as vítimas mortais ascenden a máis de 10.000 de persoas. As infraestruturas sanitarias, educativas e habitacionales de toda Gaza están esnaquizadas e hai máis de 30.000 feridos. Entre as institucións atacadas e destruídas están a Universidade Islámica de Gaza e a Universidade de al-Aqsa, contrapartes dunha decena de universidades españolas en proxectos docentes e de investigación. Os nosos colegas de todas as universidades palestinas, coas cales temos acordos de mobilidade internacional, fannos un chamamento a que denunciemos estes crimes e esixamos ás nosas autoridades que presionen a Israel para que cumpra coa legalidade internacional.

Pedimos, así mesmo, a toda a comunidade universitaria que reflexione sobre o feito de que a violación dos dereitos nacionais e humanos do pobo palestino no seu conxunto, a violencia e a insoportable cotiandade e falta de futuro que padecen os palestinos e as palestinas de Gaza, Cisxordania, Xerusalén Oriental e os campamentos de refuxiados de Líbano, Xordania e Siria, só alimentan a violencia e o extremismo. Cada nova xeración de nenos e nenas crece sometida a carencias básicas esenciais, tamén a do dereito á educación e un futuro digno, coas consecuentes secuelas físicas e psicolóxicas que sufrirán para sempre. Temos que impedir que esta situación siga a perpetuarse ata o exterminio, e por iso, animamos a todo o colectivo universitario a tomar cantas medidas estean na súa man para presionar a institucións e gobernos.

O pobo palestino é vítima de décadas de sufrimento, dunha política sistemática de expulsión, desposesión, apartheid e aniquilación por parte de Israel, cuxa causa orixinal sitúase na negación da súa existencia desde hai 75 anos.

Perante a dimensión do xenocidio en marcha, solicitamos a vosa sinatura para esixir ás autoridades das universidades españolas unha declaración pública e explícita de apoio ao pobo palestino, consonte aos principios reitores dos estatutos universitarios e a longa historia de posicionamento das nosas universidades en defensa da paz, a xustiza e a dignidade de todos os pobos, que son así mesmo a base da nosa vida universitaria.

7 de novembro de 2023

#NotMyUniversityليست_جامعتي #